Asexando pezóns con mala conciencia
Recordo escoitarlle dicir a Chicho Ibáñez Serrador, o director do clásico programa Un dos tres, que o espectador español medio se quedara atrancado nunha fase de pre-adolescencia más propia da transición que dunha democracia asentada. Referíase el a ese estado mental dun rapaz, en torno aos trece ou cartoce anos, que anda asexando entre os escotes a ver se acha un anaco de pezón co que calmar a súa curiosidade ou, quizais, un taco que permita canalizar a súa ansia de subversión. Non é a primeira vez que me ocorre, pero o acontecido durante os últimos días con Ana María Ríos e o seu espido, troúxome esa idea como un bumerán.
Se tomamos en consideración que nesta sociedade do espectáculo a televisión non deixa de ser o noso reflexo colectivo, a tese do barbudo director queda plenamente validada, con todo o malo e bo que trae consigo. Eso sí, nesta ocasión vén acompañada cun curioso suplemento de cinismo e hipocresía. Refírome, en primeiro lugar, unha boa parte dos veciños de Arcade, ese pobo en pé de guerra coa súa paisana, á que consideran unha aproveitada por gañar uns miles de euros trala súa celebridade mediática, mostrando os seus peitos no Interviú. Logo de todo eso (¡sorpresa!) agótase a tirada da revista en varios quilómetros a redonda.
En segundo lugar, apuntemos a esa xente que, fregando a barbadela esixe máis páxinas de cultura nos periódicos pero resulta que (¡nova sorpresa!), contribúen cos seus clicks de “pasaba por alí” a que a noticia deste posado sexa a líder histórica nas webs dos xornáis dixitais. Cómpre dicir, neste sentido que existe máis sinceridade nas mulleres que nos homes, polo que puiden comprobar estes días. A nós pérdenos, polo xeral, un chillón ego supostamente ilustrado de puño na mesa e sentencia na boca. Elas, xeralmente máis pragmáticas, non se empozoñan fabricando intereses inventadas. Como dí con finísima retranca a miña amiga, sempre se pode ver o Gran Hermano e ler a Sartre nos intermedios. «Todo é compatible se existen dúas neuronas libres», soe apuntar.
Visto o visto, ¿que é o que chirría aquí? ¿unha muller que con diáfana sinxeleza explicou os (razoables) motivos do seu paso, ou os contraditorios detractores da suposta erosión da moral, mailos esvaradizos culturetas que nos pretenden convencer que descoñecen quen é Belén Esteban? ¡Ays!, os inescrutables camiños da sinceridade
